5 tipos e exemplos de Vídeo Marketing

por | Out 21, 2020 | Vídeo online | 1 Comentario

Ola de novo, tal e como vimos na publicación anterior, un 80% de internautas está disposto a ver un vídeo fronte a un 20% que lee un texto, o que quere dicir isto é que o texto está pasando de moda. Por iso, é moi importante adaptarnos e definir unha estratexia para captar a atención das persoas que chegan ó noso contido e así convertelas. Isto é, facer que o usuario precise utilizar ou comprar os nosos bens ou servizos. Por tanto, dado que o crecemento do consumo de vídeos non deixa de aumentar imos axudarche a decidir un dos pasos máis importantes: Definir o tipo de vídeo que se vai lanzar. Decidirse por un ou outro é algo que vai depender dos obxectivos e do target ó que queremos chegar pero independentemente do que escollamos debemos crear contido que consiga entreter, informar e que cree unha necesidade. Coma todo, debemos consultar ó noso equipo e ter en conta o presuposto e os recursos. Así pois, sen máis dilacións imos comezar a explicar algúns destes tipos para saber cal é o máis conveniente, e xa que un vídeo é máis valioso ca un texto imos ilustrar varios exemplos para aclarar mellor as ideas:

Video corporativo. Trátase de vídeos máis longos, entre 2 e 5 minutos, nos que vemos as instalacións, o equipo de empresa e os seus valores. Este tipo de vídeo intenta crear unha boa imaxe do negocio e informa sobre a actividade á que se dedica e cales son os seus productos e servizos. É unha maneira de acercar os clientes ós productos de xeito máis transparente ca por exemplo, mediante unha imaxe nun catálogo. Premendo aqui vemos un bo modelo do que é un vídeo corporativo.

Vídeo- tutorial. Este tipo de vídeo ensínanos a facer algo paso a paso e a utilizar os productos ou servizos ofertados de maneira axeitada. En YouTube temos este tipo de contido para practicamente todo o que precisamos e son vídeos moi consumidos. Ademais, é moi útil para os nosos usuarios. Un exemplo disto sería o seguinte spot de Chanel que nos ensina a empregar os seus artigos de beleza para obter un bo resultado.

Vídeo testemuñal. Se vas elixir este tipo de vídeo debes ter en conta que as testemuñas deben ser reais e auténticas e non actores, pois xogan un papel fundamental na nosa estratexia. Ver a outros clientes da entidade dar unha boa opinión sobre a mesma fai que aumente a confianza que estes poidan ter en nos e axuda a que se incremente o interés polos nosos produtos. Pois ben, cando queremos comprar algo a través de internet, unha das primeiras cousas que vemos son os comentarios de persoas anónimas sobre o producto. Neste caso ocorre algo parecido, precisamos información e imos fiarnos antes de clientes reais ca da propia marca, tal e como vemos neste caso.

Vídeo demostrativo. Trátase de vídeos curtos que explican como é un produto e como funciona para acercalo ós clientes. Actualmente os consumidores temos moitas maneiras de comparar produtos  e poder consultar algunha fonte coma amigos ou comentarios da rede antes de mercar. Por iso, incluír un vídeo ensinando como é un artigo e que finalidades cumpre xera un valor engadido a eses posibles clientes.  Un exemplo disto pode ser o que vemos aqui sobre un robot de limpeza.

Vídeo emocional. No anterior post comezaba a falar sobre esta idea e é que é o meu tipo de vídeo preferido xa que se está ben planificado e cumpre todos os obxectivos pode facerse moi viral e chegar a moitas persoas.  Nos últimos anos é moi común velos na TV coma os anuncios que saca cada ano Gadis, os cales crean un contido de identidade; Outro exemplo podería ser o spot de Estrella Damm do verán de 2019 que intenta concienciar co medio ambiente. E por suposto, este tipo de vídeos están nas redes. O exemplo do que falamos na publicación anterior era un vídeo de Ikea que por se non o puideches ver, deixocho de novo premendo aquí. Inténtase crear un vínculo afectivo cos usuarios para que se emocionen e se identifiquen ca marca, para iso debemos escoller un público, unha emoción e comezar a crear contidos diferentes. O exemplo que eliximos nesta ocasión, e xa para despedirnos, é o empregado por Ruavieja para promocionar unha das súas cremas, un vídeo conmovedor e que te fai reflexionar, aínda máis actualmente, xa que a crise sanitaria e económica provocada polo novo coronavirus estanos reducindo aínda máis o tempo que nos queda.

Vémonos na seguinte publicación!!

Triunfa e innova con 360º

Triunfa e innova con 360º

Triunfa e innova con 360º Tamén coñecidos coma VR ou realidade virtual, os vídeos en 360 graos amosan tódolos ángulos posibles que pode captar unha cámara segundo sexa colocada. En xaneiro vimos que era unha...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *